Febreiro rematará con tempo seco e unha masa de aire frío nas Rías Baixas
Este luns 27 de febreiro as Rías Baixas continuarán na influencia das altas presións e contarán coa circulación do vento do nordés que arrastrará aire frío a toda a Comunidade. Será un día de tempo seco e de ceos depexados en xeral aínda que pola noite poida haber nubes altas, segundo indica o Servizo de Meteogalicia. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso e estableceranse entre os 2 e os 13 graos en Pontevedra.
O martes 28 de febreiro entrará na comunidade autónoma unha masa de aire moi frío procedente do norte de Europa e o ceo estará despexado na maior parte do territorio. As temperaturas mínimas seguirán en descenso nas Rías Baixas chegando a 1 só grao e as máximas continuarán sen cambios. O vento soprará do nordés, con intervalos moderados no litoral e en zonas altas.
A masa de frío persistirá o mércores en Pontevedra co inicio do mes de marzo ainda que comezará a retirarse lentamente da comunidade. As temperaturas estableceranse entre os 2 e os 12 graos polo que non haberá moitos cambios.
Durante o xoves, Galicia quedará baixo a influencia das altas presións, co anticiclón centrado no norte das Illas Británicas. Con esta situación, agárdanse ceos con poucas nubes en xeral en Pontevedra. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios ou lixeiros ascensos no terzo sur e as máximas terán un ascenso moderado. Os ventos soprarán frouxos, de compoñente leste.
Segundo Meteogalicia, as Rías Baixas quedarán dentro do radio de acción das altas presións situadas ao norte do territorio, por tanto, predominará o tempo seco en xeral.