Xabier Rodríguez Paz encabezará a candidatura municipal do BNG en Vilagarcía
Por Redacción
Xabier Rodríguez Paz encabezará a candidatura municipal do BNG en Vilagarcía. A súa elección por parte da Asemblea Local do BNG é automática xa que a súa foi a única proposta presentada para liderar a lista dos nacionalistas nas eleccións municipais do 28 de Maio. O resto da candidatura aínda fica pendente.
Xabier Rodríguez Paz, é responsable local do BNG en Vilagarcía e forma parte do Consello Comarcal da organización no Salnés. Licenciado en Xeografía e Historia, é titor e profesor de ensino secundario no IES Armando Cotarelo Valledor. Vencellado ao sindicalismo, foi Secretario Local de CIG-Ensino e actualmente representa ao profesorado do ensino público de Pontevedra como Secretario da Xunta de Persoal Docente. Na CIG-Ensino adoita participar como ponente na Semana da Educación de Pontevedra. Activista nas causas da lingua e cultura galegas vén desenvolvendo un papel militante nos movementos e colectivos Queremos Galego e Vía Galega aos que suma a súa preocupación pola preservación e posta en valor do patrimonio histórico vilagarciá.
Para os nacionalistas, Rodríguez Paz destaca pola "práctica do diálogo e consenso como xeito de facer política en positivo e construtiva, na proximidade coa xente e por ser un traballador incansábel, coas ideas claras para abrir un tempo novo no Concello, centrado na mellora da vida das persoas".
O candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía liderará unha proposta "baseada nun modelo de goberno municipal que sexa solvente, transformador, capaz de xestionar con eficacia cada euro, cunha clara aposta polos servizos públicos, baixo un proxecto estratéxico orientado á mellorar a vida das persoas, aportando dinamismo económico, social e cultural".
Neste proceso, o Bloque asegura que vai "ir a por todas, coa man tendida á cidadanía, con ilusión e o convencemento de que a candidatura nacionalista vai dar a badalada cun resultado histórico, sendo a forza política que máis suba nesta cita electoral na senda do respaldo que xa recibiu nas pasadas eleccións galegas".
Relacionadas:
-
Manuel Fariña lanza a súa candidatura como candidato en Caldas dun BNG co que "aspiramos a todo"
Por Redacción |
-
O BNG aposta por Teresa Carro como candidata ás eleccións municipais de Vilaboa
Por Redacción |
-
Ernesto Filgueira, presentado como candidato do BNG, promete mellorar a rede de saneamento
Por Redacción |
-
O BNG de Poio presenta á súa candidata Marga Caldas cun xantar aberto á veciñanza
Por Redacción |