Un aparcamento e unha área recreativa completarán o centro sociocultural de Tenorio
Por Redacción
Dous terreos situados en Torrevella e lindeiros co edificio municipal completarán o equipamento co centro sociocultural de Tenorio. Ambas parcelas, que foron adquiridas polo Concello, supuxeron un desembolso económico de case 36.500 euros.
O acordo de compravenda, que se financia co Plan Concellos da Deputación, incorpora ao patrimonio municipal unha finca de 850 metros cadrados que linda ao norte coa parcela do centro sociocultural de Tenorio e tamén coa entrada municipal no lugar de Torrevella.
A outra parcela é de 985 metros cadrados e linda tamén ao norte coa parcela municipal.
A intención do Concello é agrupar todo o terreo e mellorar así o espazo público e de recreo do entorno do centro, permitindo dotalo dunha zona de aparcamento e de recreo.
As parcelas atópanse no ámbito do solo de núcleo rural de Tenorio e, segundo as normas subsidiarias do planeamento, non teñen traba algunha para acoller usos como a área de recreo, onde se prevé instalar un parque infantil e outro biosaudable.
O alcalde Jorge Cubela, celebrou o acordo alcanzado cos propietarios particulares das dúas parcelas porque entende que vai supoñer unha "mellora substancial" para aumentar o uso social e o equipamento público do ámbito centro sociocultural de Tenorio.