A Policía sorprende unha menor tras caerlle a alarma dunha peza de roupa que pretendía furtar
Por Redacción
A Policía Nacional activou o dispositivo especial "Comercio Seguro" para garantir a seguridade cidadá durante as compras do Nadal. O obxectivo, segundo explican dende a Comisaría provincial, é previr e evitar a comisión de furtos, enganos, estafas, roubos e outros delitos que adoitan producirse ante as grandes aglomeracións en zonas comerciais e de ocio.
No marco destes labores de vixilancia, os axentes identificaron na tarde do día 24 de decembro as 19.10 horas, á presunta autora de furto de roupa na tenda de Stradivarius en Benito Corbal.
Tratábase dunha menor que foi sorprendida cando saía da zona de probadores ao caérselle un dispositivo de alarma ao chan.
Os axentes comprobaron como efectivamente no interior do seu bolso portaba dúas pezas de punto e un bolso pertencentes ao establecemento comercial e que presentaban danos tras arrancarlle o correspondente dispositivo de alarma.
Os axentes procederon á incautación dos obxectos valorados nun total de 89.95 euros e ao traslado a dependencias policiais da menor para ser entregada aos seus proxenitores e dar conta á Fiscalía de Menores dos feitos.