O albergue Virxe Peregrina avanza nas súas obras de modernización e mellora
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou na mañá deste martes as instalacións do albergue de peregrinos Virxe Peregrina para supervisar as obras de modernización integral e mellora da eficiencia enerxética. Na súa visita acompañouno Celestino Lores, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués.
Luís López explicaba que as obras están a comezar pola retirada do amianto do tellado, que se vai substituír por completo. Na parte exterior do edificio cambiaranse todas as fiestras e na parte interior instalarase un pavimento novo xunto a un sistema de calefacción mediante un solo radiante, tal e como explicaba o delegado territorial.
López falaba destas obras de mellora afirmando que "van colocar a este albergue público de Pontevedra na primeira división dos albergues públicos de Galicia". O delegado da Xunta explicaba que no ano Xacobeo 21-22 pasaron por Pontevedra uns 130.000 peregrinos, o que supón ao redor do 30% do total dos 450.000 peregrinos que completaron o Camiño de Santiago.
En canto ao atraso no comezo das obras, Luís López aclarou que estivo motivado pola concesión da licenza municipal, pero a previsión é que o albergue este listo no verán para cubrir as necesidades dos peregrinos en tempada alta.
O investimento para este proxecto é de 428.000 euros, o cal está enmarcado dentro do Plan de Mellora de Albergues Públicos de Peregrinos de Galicia. "Estas obras teñen moita ilusión para nós. Eu contaba con que isto non se ía poder facer", apuntaba Tino Lores, que se mostraba satisfeito co proxecto de mellora do albergue.
O presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués explicaba que esta obra era necesaria xa que é a primeira reforma que sofre este albergue nos seus 24 anos de historia. "Vai converterse nun albergue 5 estrelas. Dentro do camiño portugués vai ser un albergue cunhas instalacións magnificas", resaltaba Tino Lores.
Para concluír, Lores explicaba que o gasto eléctrico do albergue é moi grande debido aos materiais cos que se construíu, polo que os custos de enerxía e electricidade son moi elevados. Esta obra permitirá mellorar a eficiencia enerxética e reducir estes gastos, tal e como explicaba o presidente da Asociación.