Urbe Electrodomésticos, a referencia en pequeno e gran electrodoméstico, ofrece descontos de entre 100 e 450 euros
Cúmprese un mes de vixencia de 'Galicia Renova Electrodomésticos', o plan polo que a Xunta subvenciona con entre 100 e 450 euros a renovación de electrodomésticos nos fogares galegos. En concreto, estas axudas están dirixidas a residentes en Galicia que queiran renovar os seus aparellos por outros do mesmo tipo: frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavalouzas ou encimeras de indución total.
Os novos equipos que se adquiran deben ter unha clasificación enerxética A, B, C ou D, no caso de frigoríficos e conxeladores, e A, B, ou C para lavadoras e lavalouzas, e o establecemento onde se realice a compra retirará no domicilio o electrodoméstico usado para entregalo nunha plataforma de reciclaxe.
A acollida deste plan foi excepcional, de modo que en apenas un mes a alta demanda de compradores xa consumiu máis da metade dos 3 millóns de euros previstos.
En Pontevedra, un dos establecementos adheridos a este "plan renove" galego é Urbe Electrodomésticos. Na súa tenda situada na Rúa Doce de Novembro, 27 (xunto á pasarela do tren) o seu persoal atende calquera consulta.
Alejandro Pedras, o xerente de Urbe Electrodomésticos, destaca a importancia de contar cun sólido equipo de traballo. "Sen eles non sería posible o funcionamento da tenda", asegura. Todos eles profesionais con ampla experiencia no sector: os encargados de tenda Juan José Miniño "Hamchy" e David Fontela, e o repartidor-instalador Ramón Carballude.
Urbe Electrodomésticos nacía durante a pandemia, en outubro de 2020. En algo máis de dous anos, consolidouse como a referencia en Pontevedra en pequeno e gran electrodoméstico. "Pensabamos que había oco para unha tenda como a nosa, pero abrimos con algo de medo porque non sabiamos o que ía pasar coa pandemia. A resposta foi moi boa porque a xente investiu máis en produtos para o fogar", explica Alejandro Pedras.
Coa pandemia a xente volveu valorar a proximidade e o trato personalizado. "A tenda de proximidade volveu coller certa importancia, como antigamente, e sobre todo ímolo notando porque dous anos e uns meses despois de abrir temos unha boa carta de clientes que compran e repiten". A repartición e instalación de Urbe Electrodomésticos abarca toda a provincia de Pontevedra. "A toda a persoa que entra nesta tenda, nós levámoslle o produto á súa casa, e se nos queda moi lonxe, por exemplo, outra capital de provincia, tentamos darlle soporte a través dunha tenda de Tien 21 que haxa nesa zona".
TIEN 21
Urbe Electrodomésticos é un establecemento asociado a Tien 21. "Hai varios grupos de compra a nivel rexional e nacional, e aquí en Galicia está Ugesa, que pertence a Tien 21, e nós asociámonos a eles. Hoxe practicamente todas as tendas pertencen a un grupo. Desta maneira o 90% da mercadoría que temos na tenda está centrada nun único almacén, Tien 21 dános este soporte que para o cliente é unha vantaxe, en calidade e en prezo".
O cliente que confía en Urbe Electrodomésticos valora a resposta eficiente e a solución para todo tipo de necesidades que ofrecen as profesionais en tenda e tamén a través de Internet. "Todo o que temos na tenda dámolo de alta e automaticamente sae na nosa páxina electrourbe.com".
Para cada cliente, en Urbe Electrodomésticos ofrecen unha solución adaptada. "Á persoa que se lle estragou o electrodoméstico e necesítao con urxencia tentamos ser o máis áxiles posibles, e aquela persoa que vén con máis calma a pedir presuposto, porque está a pensar en mudarse, ou parellas que por exemplo empezan a vivir xuntas e tamén van a outros sitios para comparar, dámoslle ese soporte".
En canto a variedade de produto, sorprende a ampla gama de electrodomésticos en tenda. "Aquí temos todas as familias de electrodomésticos, desde a lavadora máis normal e común, que hai moita xente que a demanda, ata produtos como os que ves no escaparate de deseño. Pensamos que non é necesario que se ti queres algo diferenciado teñas que ir a outra cidade máis grande como Vigo, Coruña ou Santiago".
SMEG
Entre as marcas que se caracterizan polo seu deseño, Alejandro Pedras, apunta a Smeg, firma italiana que ademais de estética ofrece electrodomésticos de gran calidade. No escaparate da tenda móstranse varios produtos Smeg: cafeteiras, torradores ou fervedoiros.
"Cando fixemos a aposta por Smeg tiñamos certas dúbidas de que se fose a vender un torrador por 169 euros, un espremedor do mesmo prezo, cafeteiras de 300 e pico euros, e con todo é un produto que vendemos moi ben. É un produto de moita calidade: as cafeteiras fan un café riquísimo, as torradoras torran o pan case como llo pides, en distintos graos de tostadura, por unha soa cara ou as dúas. E gústache velo na cociña, é un elemento decorativo".
Miele, AEG, Siemens, Bosch, Balay, Cecotec e Smeg son marcas de referencia en Urbe Electrodomésticos
En Urbe Electrodomésticos constatan un aumento crecente da demanda da marca Smeg. "Eu sempre digo que é distinto que regales un torrador convencional a que regales un torrador de Smeg, é case regalar unha xoia, é algo totalmente distinto. Notamos que ás veces se xuntan dúas ou tres persoas para regalar nun aniversario, nunha voda ou nun aniversario algunha peza de Smeg".
Xunto con Smeg, tanto en pequeno como en gran electrodoméstico, Alejandro Pedras enumera cinco marcas de referencia en Urbe Electrodomésticos: Miele, AEG, Siemens, Bosch e Balay. A estas únese Cecotec, marca que recomendan en robots de aspiración e aspirador de escoba.
TODO TIPO DE ELECTRODOMÉSTICOS
En canto a produto, ademais dos electrodomésticos habituais en calquera vivenda, Alejandro destaca un aparello que "veu para quedar": as frixideiras de aire, tamén chamadas frixideiras sen aceite. O empresario confirma que a venda "aumentou unha barbaridade" porque é un pequeno electrodoméstico no que se poden cociñar numerosas receitas dun modo máis saudable. "Desde patacas fritas, salmón, costeletiñas de cordeiro, repostería, de todo. Teño unha desde hai anos e é unha marabilla", admite Alejandro.
Nos últimos meses, en Urbe Electrodomésticos tamén comprobaron un incremento na venda de electrodomésticos para a denominada "campaña do frío". As vendas de deshumidificadores sempre son boas polo clima de Galicia, pero as intensas choivas do pasado outono e principio do inverno foron un engadido a unhas vendas xa de seu altas. "Este ano, ademais, notamos que se disparou a venda de calefactores e radiadores, tamén as estufas de butano, onde mesmo dalgunhas marcas se esgotaron. Nós pensamos que como está tan cara a electricidade, o gas, o gasóleo, as casas ou as comunidades de veciños decidiron non acender a calefacción ou acendela menos horas que outros anos e un calefactor ou un radiador dáche un apoio para poñer na habitación na que vas estar".
Outra das referencias que ofrece Urbe Electrodomésticos é a telefonía móbil. "Un produto que nos distingue un pouco respecto ao resto de tendas de electrodomésticos, porque quitando as grandes áreas, na tenda tradicional non adoitan apostar por ordenadores e telefonía móbil como nós". Esta oferta complétase coa familia de produtos pensados para o teletraballo, como os ordenadores portátiles e todos os seus accesorios.