Mar, Nerea e Lucía, as trixemelgas que fan historia en Ponte Caldelas
Por Redacción
Mar, Nerea e Lucía e os seus pais, Sandra Tamayo e Carlos Peso, fixeron historia en Ponte Caldelas. As tres primeiras son trixemelgas e o Concello asegura que "nin as persoas maiores de Ponte Caldelas lembran un fito semellante".
A piques de cumprir 8 meses, as tres nenas e os seus pais visitaron este martes o Concello de Ponte Caldelas. Alí, o alcalde, Andrés Díaz, e a concelleira Leticia Rocha déronlle a noraboa aos seus pais e entregaron tres petos personalizados como agasallo.
Sandra Tamayo e Carlos Peso recoñecen a "sorpresa" inicial cando nunha revisión lles comunicaron que terían tres fillas. "Non temos antecedentes familiares, nin tampouco nos sometemos a ningún tratamento de fertilidade, polo que os primeiros meses de embarazo vivímolos con contrariedade, asimilando o que iba a supoñer", recoñece Sandra.
Sandra tivo un parto prematuro, con cesarea programada e famoso en todo o Hospital Provincial de Pontevedra. E finalmente todo foi ben. Agora, todos viven na aldea de Chaín e as nenas medra, "con total apoio de familia e amigos". De feito, os pais de Sandra, naturais de Murcia, estiveron en Ponte Caldelas catro meses para axudar e aseguran que amigos e compañeiros "sempre se ofrecen a botarnos unha man, con coidados, biberóns…".
Os pais recoñecen que chegaron "con moito medo", pero que a crianza "está a ser máis doce e amable do que imaxinaba". Aseguran que as nenas son "moi tranquilas" e de momento "teñen uns hábitos adquiridos que facilitan a crianza múltiple".
Tamén recoñecen que atopan atrancos en materia accesibilidade e equipamento. Así, foi complicado atopar carro de bebés para tres que, ademais, "resulta pouco manexable e é tan amplo que moitas veces é complicado moverse".
Sandra aproveitou a visita ao Concello para recalcar a importancia de contar cun pediatra que atenda de luns a venres no centro de saúde de Ponte Caldelas, un concello cunha carteira médica a máis de 600 nenas e nenos.