O alumnado planta máis de 500 árbores no Monte de Baltar
Caldas de Reis anticípase ao Día Forestal Mundial, que é o 21 de marzo, e reúne a máis de 200 escolares para realizar unha plantación de árbores autóctonas. Os estudantes repoboaron o Monte de Baltar, situado na parroquia de San Clemente, con 500 árbores, ademais de gozar dunha xornada de actividades e sorpresas.
Esta iniciativa leva celebrándose desde hai 21 anos polo Departamento de Medio Ambiente do Concello. Desde que se comezou a realizar estímase que se plantaron 5000 árbores. Este ano asentáronse as seguintes especies: 175 castiñeiros de madeira, 100 arces brancos, 100 cerdeiras, 75 nogueiras do país, 50 castiñeiros de froito e 25 sobreiras.
Nesta plantación participaron máis de 200 estudantes pertencentes ao IES Aquis Celenis, do CEIP San Clemente de Cesar, do CPR La Encarnación, do CPR San Fermín e do Centro Ocupacional de Saiar. A Comunidade de Montes de San Clemente, foi quen achegou as árbores plantadas ademais do persoal do Medio Rural da Xunta de Galicia. Tamén participaron voluntarios da asociación Asoprovida e CocaCola Partners Ibérica patrocinou este proxecto.
Manuel González, o concelleiro de Medio Ambiente, resalta que é importante que os escolares estean concienciados en preservar e protexer o medio ambiente e a natureza. Ademais opina que esta acción para poboar o Monte Baltar é unha estratexia de prevención contra os incendios e de loita contra o cambio climático.