Esíxenlle á Xunta que repoña ao pediatra do PAC de Bueu
Por Redacción
A parlamentaria socialista Paloma Castro vén de anunciar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que repoña de inmediato ao pediatra de Bueu, logo de que a única praza que quedaba no Concello quedara descuberta pola baixa do médico titular.
Castro mantivo unha xuntanza cos profesionais sanitarios do PAC de Bueu xunto co candidato socialista á alcaldía, Camilo Macenlle, e a secretaria xeral do PSdeG local, Rosa Piñeiro.
O PSde-G trasladará ao Parlamento de Galicia as demandas dos profesionais sanitarios, "saturados pola falla de recursos destinados polo goberno galego a esta vila", cunha poboación de 12.000 habitantes, que se triplica nos meses de verán, e onde o 35 por cento son maiores de 65 ou menores de 14 anos.
Paloma Castro sinalou que o PAC presenta "moitísimas carencias", que obrigan á poboación a trasladarse a outros concellos, como mínimo 15 quilómetros ata Marín, ou 23 ao Hospital Provincial, de referencia para Pediatría, e o Montecelo para diferentes especialidades.
Apuntou á situación concreta de Pediatría, "un servizo que o goberno galego reduciu á metade nos últimos anos, deixando unha única praza de médico Pediatra atendendo un número excesivo nun servizo que leva unha semana desatendido pola baixa do profesional".
Os socialistas destacaron que "a realidade é que os nenos e nenas do Concello carecen de atención médica, quedando desatendidos en plena época de gripe ou con neonatos aínda sen a súa primeira revisión pediátrica".
"Malia que os profesionais do centro fan o que poden para suplir estas carencias, os seus esforzos non dan atendido como debe ser á poboación infantil", polo que os socialistas galegos esixen a cobertura inmediata da baixa e a reposición das prazas de Pediatría ata recuperar aos dous profesionais que viñan atendendo ao Concello.
Castro reclamoulle ademais á Xunta que amplíe ata o Concello de Bueu o servizo de liña directa de autobús que existe entre o Centro Hospitalario de Montecelo e o Concello de Marín, o que suporía ampliar o percorrido 15 quilómetros, fundamentais para a poboación da vila. Ademais, reclama a cobertura das baixas e vacacións do persoal médico do PAC e a mellora das condicións do servizo de fisioterapia, incrementando o persoal asignado ao mesmo.