Pontevedra estima que terá que pagar 6 millóns de euros ao ano en electricidade
Por Alejandro Espiño
O aumento do prezo da enerxía eléctrica, que tantas contas particulares desbaratou nos últimos meses, tamén afectará de cheo ao Concello de Pontevedra. O goberno municipal asume que a factura que pagará anualmente pola electricidade superará os 6 millóns.
Así o reflicten as estimacións realizadas polos técnicos municipais na tramitación administrativa do novo contrato que, tras quedar deserto nunha primeira licitación, volverá sacarse a concurso en próximas semanas.
As compañías eléctricas rexeitaron presentarse nese primeiro intento, ao entender que o prezo que recollía, uns 4,9 millóns de euros ao ano -por un contrato dun ano prorrogable outro máis-, non lles era rendible. Esixían ter unha marxe comercial moito maior.
O actual contrato, en mans de Iberdrola, vence o próximo 8 de maio, aínda que terá que ser prorrogado ata que se resolva a nova licitación, para a que o Concello reformou os pregos, fundamentalmente na parte económica.
O novo contrato obrigará ás compañías a certificar que, polo menos o 30% da electricidade que abastezan a Pontevedra, proveña de enerxía verde e fontes renovables, un punto que tampouco convencía ás licitadores, pero ao que o Concello decidiu non renunciar.
Ademais, a intención do goberno municipal é poder simplificar a tramitación das facturas que xera este servizo, xa que actualmente se emite unha por cada subministración, o que levou aos servizos técnicos do Concello a tramitar máis de 5.000 facturas.
Pontevedra pagou o ano 2020 un total de 1,83 millóns de euros pola subministración eléctrica, un prezo similar ao abonado en anos anteriores, pero a partir de aí o custo disparouse. En 2021 xa subiu ata os 2,06 millóns, un prezo que se superou no primeiros cinco meses de 2022.
A falta de revisar as últimas facturas do ano pasado, os técnicos calculan que o custo da electricidade para as arcas municipais pasou os 5,45 millóns, o triplo que hai dous anos.
De cumprirse estas previsións, o contrato da luz, que inclúe a iluminación pública ou a subministración eléctrica a dependencias municipais, colexios ou o Pazo da Cultura, pasará a ser o terceiro de maior contía de todo o Concello, tras o lixo e a auga.
Relacionadas:
-
Pontevedra pagará uns 10 millóns en dous anos en electricidade e iluminación pública
Por Alejandro Espiño |
-
Numerosas reclamacións pola suba eléctrica en Consumo, ningunha polos prezos da alimentación
Por Alba Feijoo Alonso & Álvaro Arosa Barco |
-
Pontevedra prevé gastar cinco millóns anuais na factura da luz
Por Alejandro Espiño |