Rescatan con hipotermia un home que caeu dun veleiro atracado
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Sanxenxo rescatou a un home que caeu a última hora da tarde do domingo dun veleiro atracado nun dos pantaláns máis próximos á praia de Panadeira.
Foi unha muller que se atopaba no parque a que alertou á Policía Local dos berros de auxilio procedentes do pantalán e ata alí desprazouse a patrulla.
O home estaba agarrado a un dos cabos, pero con gran parte do corpo baixo a auga.
Debido ao peso da roupa e as botas que levaba postas no momento da caída non era capaz de subir de novo ao veleiro.
O home foi desprazado en ambulancia a Montecelo con evidentes signos de hipotermia. Calcúlase que estivo uns 20 minutos na auga.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos axentes da Policía Local, os feitos tiveron lugar no porto deportivo de Sanxenxo ao fío das 20:45 horas. De feito, foron eles os que chamaron ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia para solicitar unha ambulancia para o home accidentado.
Relacionadas:
-
O porto de Sanxenxo contará cun espazo para gardar redes e nasas
Por Redacción |
-
Sanxenxo reduce a taxa de paro grazas ao crecemento do turismo en tempada baixa e o desenvolvemento do parque empresarial
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo ten 37 casos activos por violencia de xénero, ningún deles en risco extremo
Por Redacción |