As vendedoras do Mercado de Abastos dan a coñecer as súas vidas e visibilizan o seu labor
Por Redacción
No marco do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Concellería de Promoción Económica acaba de lanzar tres vídeos protagonizados polas vendedoras do Mercado de Abastos de Pontevedra coa finalidade de dar a coñecer diversos aspectos das súas vidas e de poñer en valor o seu labor.
Englobadas baixo o título de "Mulleres que Contan", as pezas audiovisuais elaboradas pola firma Ydeaweb adéntranse nos proxectos e soños persoais das praceiras entrevistadas, narran como comezaron a traballar nas instalacións da rúa Serra e falan sobre as mulleres que foron e son as súas referentes.
As vendedoras que nesta ocasión lle poñen voz ás traballadoras do Mercado son Antía (Peixes e Mariscos Cachadas), Eva (Peixes e Mariscos E. Lameiro), Pilar (Mariscos Pilar Farto) e Begoña (A Queixería e Carnicería B. Laya), que aparecen no vídeo 'As nosas Mulleres Referentes' Loli (Mariscos Loli Loureiro), María (Froitería Pablo e María) e Montse (Carnicería Montse), que protagonizan a peza 'Así comezamos no Mercado', e Celia (Carnicería Celia Abal), Hermitas (Carnicería Macario) e Ángela e Esperanza (Plántate), que foron entrevistadas para 'Máis alá do Mercado'.
A concelleira de Promoción Económica e de Igualdade, Yoya Blanco, asegura que "este é o momento perfecto para visibilizar e render unha homenaxe a esas mulleres magníficas, bravas e fortes que nos atenden e ofrecen os mellores produtos do mundo no Mercado de Abastos".