Pilar Martínez Hervés, traballadora da extinta Cedonosa-IKF de Cuntis, recibe o Premio 8 de Marzo da UXT
Por Anxo Lourido
Pilar Martínez Hervés, natural da Estrada, recibía este martes 7 a homenaxe do sindicato UXT e a entrega do Premio 8 de marzo 2023 polo seu labor como traballadora na desaparecida empresa Cedonosoa-IKF de Cuntis.
Ao longo de tres décadas traballou nesta empresa e converteuse en representante de UXT para defender os dereitos laborais e nas segundas eleccións converteuse en presidenta do comité de empresa permanecendo durante 24 anos no cargo ata que finalmente pechou a empresa en 2010.
Recibía o galardón de mans de Cati Cochón, secretaria de Igualdade da agrupación comarcal de UXT, e de Ramón Vidal, secretario comarcal do sindicato, ante compañeiras sindicais. Cati Cochón destacou a súa valentía, compromiso e dignidade na súa intervención durante o acto.
Pola súa banda, Pilar Martínez agradecía que se acordaron dela para recibir este premio despois de máis dunha década do peche de Cedonosa-IKF e realizou un breve recordo dos seus primeiros anos nesa entidade. Asegurou que sempre será de UXT ao entender que os seus integrantes son "compañeiros, irmáns e amigos".
Destacou principalmente o apoio e a aprendizaxe recibida por parte de Lourdes Diz, responsable de Industria no sindicato.