8M | O "moi masculinizado" sector da pesca toma o protagonismo na Subdelegación do Goberno
Por Natalia Puga
O sector do mar tomou a palabra este ano na conmemoración do Día Internacional da Muller na Subdelegación do Goberno en Pontevedra. A voz púxoa Irene Fariña, inspectora de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Irene Fariña foi a encargada de ler a declaración institucional do Goberno co gallo do 8M e recoñeceu que o seu foi un sector "tradicionalmente de homes", pero que quere visibilizar que tamén hai moitas mulleres e que "estamos aí e non hai ningún problema".
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, pechou o acto institucional deste 8M e explicou que este ano encargouse a Fariña a lectura para visibilizar ás mulleres no mundo da pesca, un sector "fundamental" para a provincia de Pontevedra no que, en Galicia, hai máis mulleres que homes, pero está "moi masculinizado" nos postos de responsabilidade.
"O teito de cristal continúa a existir nun sector onde traballan máis de 12.000 mulleres, pero no que apenas teñen representación directiva nos seu órganos de mando", explicou Maica, que chama a seguir levantando a voz "ante quen nega a desigualdade, un asunto non só de mulleres, senón que afecta a toda a sociedade".
Dándolle voz buscan demostrar que "calquera actividade laboral pode ser afrontada pola metade da poboación feminina" e, de feito, como exemplo, Larriba sinalou que as mulleres son a metade do persoal de Inspección de Pesca, que depende da Subdelegación e na que traballa Irene Fariña.
Larriba presidiu o acto institucional, no que estiveron presentes tamén a responsable da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación, Manuela Vilaboy; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; a directora da prisión da Lama, Teresa Delgado; a concelleira pontevedresa de Igualdade, Yoya Blanco; o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores; e concelleiros como Carmen Fouces, Iván Puentes e Marcos Reis. Tampouco faltaron o máximo responsable da Garda Civil, Simón Venzal; e representantes da Policía Nacional o de Defensa.
A subdelegada quixo sacar peito de que o Executivo actual é "o Goberno máis feminista da historia deste país e o Goberno máis garantista da igualdade de oportunidades entre os homes e as mulleres".
Tamén a declaración institucional lida por Irene Fariña insiste neste aspecto, en que "España consolídase, ano tras ano, como un país feminista, grazas ao impulso da sociedade e dun goberno que dá pasos firmes para que a igualdade de xénero sexa a pedra angular da transformación social, e materializa este compromiso no recoñecemento de dereitos e no desenvolvemento de políticas públicas".
Tamén insiste en que España mantense firme no seu compromiso cos "máis esixentes estándares e referencias internacionais en materia de erradicación da violencia contra as mulleres" e en que este país "pasa dos compromisos á acción", a través de "políticas públicas innovadoras e consecuentes", como o Anteproxecto de Lei Orgánica integral contra a trata e a explotación de seres humanos, co que se pretende abordar todas as formas de trata de seres humanos máis aló dunha resposta penal, ou o Plan Camiño, o primeiro plan de inserción para mulleres vítimas de trata e explotación sexual.
A declaración institucional insiste en que, no plano laboral, ano tras ano, as estatísticas poñen de manifesto que as desigualdades estruturais entre mulleres e homes en todos os ámbitos seguen existindo en todos os países e que a igualdade avanza de forma lenta na maioría dos países do mundo, e, desgraciadamente, retrocede de forma dramática noutros.
No contexto laboral, sostén que as mulleres concentran en España as tres cuartas partes do emprego a tempo parcial, e a case totalidade de quen traballou a tempo parcial para dispoñer de máis tempo para coidar a persoas dependentes foron mulleres. Catro de cada cinco persoas que piden unha excedencia por coidados familiares son mulleres, e a maternidade segue penalizando ás mulleres no emprego.
Insiste tamén en que as diferenzas retributivas entre mulleres e homes, a pesar de mostrar unha positiva tendencia á baixa, cunha redución de 2,7 puntos na brecha retributiva, mantéñense en cifras insostibles. As mulleres cobraron de media en 2020 un 18,72 % menos que os homes, segundo a Enquisa de Estrutura Salarial. Estes datos mostran unha "realidade incontestable, que as mulleres seguen sostendo os coidados, imprescindibles para a vida, que permiten e habilitan que todo o demais sexa posible, á conta do pleno exercicio dos seus dereitos".
Relacionadas:
-
8M | Pontevedra volve saír á rúa: “Somos feministas os 365 días do ano”
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
8M | Reivindicar o papel das mulleres, eixe dos actos conmemorativos no campus pontevedrés
Por Redacción |
-
8M | "Feminismo ou barbarie", alertan no Pazo Provincial
-
8M | O proxecto 'Mulleres da vila' cobra vida cunha exposición fotográfica
Por Alba Feijoo Alonso |
-
8M | O proxecto 'Mulleres da vila' cobra vida cunha exposición fotográfica
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Apelan á corresponsabilidade ante a violencia machista: "É moi triste seguir escoitando entre veciños e amigos que isto se vía vir"
Por Alejandro Espiño & Alba Feijoo Alonso |
-
Voces femininas para reivindicar os valores da Constitución, que "debemos ter moi presentes, hoxe máis que nunca"
Por Natalia Puga |