Un gran castelo xa destaca na zona de xogos tradicionais e de auga no parque Rosalía de Castro
Por Redacción
Avanzan a bo ritmo os traballos de construción da nova zona de lecer no parque Rosalía de Castro, nas proximidades do río Lérez. Un gran castelo de madeira xa destaca na zona mentres a empresa Vortex Estruturas Acuáticas, adxudicataria da obra, entra na fase final da execución dos xogos tradicionais para, en próximos días, comezar coa creación da zona de xogos de auga.
Iván Puentes, concelleiro responsable de Desenvolvemento Sostible, visitaba este mércores a zona acompañado polo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o xefe de Operacións de Vortex, Jaume Pellicer.
"As obras levan velocidade de cruceiro", afirma o concelleiro, coa esperanza de que conclúan as obras na primavera se as condicións meteorolóxicas o permíten.
No encontro tratáronse algúns aspectos relacionados coa conexión coa rede eléctrica e de auga, ademais de avanzar os seguintes pasos que se darán nesta zona.
Este parque de xogos de auga constrúese nunha parcela de 3.400 metros cadrados, entre as pontes de Santiago e o dos Tirantes, na contorna do Paseo de Rafael Areses. Ocupará unha superficie de 225 metros cadrados e o orzamento ascende a 309.929 euros, dentro do proxecto Pontevedra Flúe. O tratamento da auga contará cun sistema automático de depuración.
O parque disporá de difusores acuáticos e elementos para a diversión infantil e familiar, ademais dunha zona de xogos tradicionais que se establecerá ao longo de 625 metros cadrados co castelo como principal protagonista e diferentes randeeiras para diversión dos menores.