Agárdase unha fin de semana de ceos cubertos e temperaturas de ata 19 graos nas Rías Baixas
Por Redacción
Este venres 10 de marzo, Galicia permanece nunha situación intermedia entre as altas presións centradas ao sur da península Ibérica e as borrascas atlánticas, con ventos que soprarán de compoñente oeste achegando moita humidade. O día presentarase con ceos parcialmente cubertos, con máis nubes en todo o litoral oeste galego e a posibilidade dalgunha choiva débil durante a noite. As temperaturas moveranse entre os 13 e os 19 graos nas Rías Baixas, con vento que soprará do suroeste con intervalos fortes, segundo o servizo de Meteogalicia.
Durante o sábado 11 manterase a influencia das borrascas coa chegada dunha fronte polo litoral atlántico. Ante esta situación, a previsión contempla ceos cubertos con temperaturas mínimas que ascenderán lixeiramente mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso, situándose entre 14 e 17 graos. O vento soprará moderado do suroeste.
Ao longo do domingo espérase un escenario de transición, á espera dunha fronte que chegará a Galicia durante a noite do domingo ao luns. Preséntase un día de ceos con intervalos nubrados e a posibilidade de que se rexistren orballos nas Rías Baixas. Pola noite comezarán as precipitacións de maior intensidade, sendo moderadas no litoral atlántico. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso e situaranse en 13 graos mentres que as máximas volverán ascender ata alcanzar os 19 graos. Os ventos soprarán do suroeste, moderados no interior e fortes no litoral.
Durante o luns manterase a influencia das baixas presións, con alta probabilidade de precipitacións en xeral. A partir do martes está previsto que cheguen unhas xornadas intermedias entre altas e baixas presións con predominio de tempo seco e temperaturas máximas algo baixas para esta época do ano ao non superar os 16 graos.