Case 400 sinaturas para esixir a Fenosa soterrar toda a liña de alta tensión na Avenida de Lugo
Por Alejandro Espiño
Veciños de Mourente presentaron este venres un total de 375 firmas para esixir a Unión Fenosa Distribución que soterre toda a liña de alta tensión que atravesa a Avenida de Lugo.
Os plans da compañía con respecto a esta liña pasan por eliminar as torretas eléctricas en case todo o seu trazado, entre a subestación de Mourente e Lusquiños (Tomeza), pero prevén manter os catro primeiros postes, situados entre a subestación e a nave de Correos.
"Non ten sentido ningún", sostén o portavoz dos afectados, Manuel Sieiro, xa que para completar esta actuación "non hai problema algún" porque a rede atravesa a estrada e terreos que son públicos. "Non queren saber nada do tema", denuncia.
Eliminar estas catro primeiras torretas supoñería actuar nuns 300 metros, polo que os veciños consideran que non sería unha actuación moi custosa de executar e, por outra banda, sería unha obra beneficiosa para ambas as partes.
Estes postes, segundo Sieiro, "non son agradables" porque reitera que "a ninguén lle gusta ver estas torretas polo medio e tan preto da cidade", pero advirte de máis problemas que os puramente estéticos, entre eles, danos á saúde ou os ruídos que xeran estas estruturas.
A reivindicación dos afectados, que entregaron as firmas no rexistro do Concello, conta co apoio do goberno municipal, que trasladou esa mesma petición á compañía. O edil Alberto Oubiña acompañou aos veciños nos seus trámites.