O DOG xa recolle a fervenza de Segade e o encoro da Baxe dentro das Zonas Húmidas de Galicia
Por Redacción
O encoro da Baxe e a fervenza de Segade xa forman parte do Inventario de Zonas Húmidas de Galicia, despois de que o Diario Oficial de Galicia publicase a Resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural pola que se inclúen ata un total de 400 zonas húmidas dentro dese inventario.
Este inventario intégrase no Inventario galego do Patrimonio natural e a biodiversidade. Foi creado no ano 2008 atendendo ao tratado internacional que fai referencia aos humidais de importancia mundial como hábitat de aves acuáticas.
A superficie que se recolle no inventario, no caso de Caldas, é de case setenta hectáreas, correspondentes na súa maioría ao encoro da Baxe, pero tamén á fervenza de Segade.
Manuel González, concelleiro de Medio Ambiente, celebraba esta inclusión "que permitirá unha maior protección da biodiversidade destas zonas húmidas, aínda que chegue con moitos anos de atraso", sinalou. Asegura que no Concello estudarán a zona protexida e exporemos a súa amplicación" xa que entenden que non cobre todas as zonas húmidas que merecen unha protección especial na zona de Segade.
O Concello de Caldas encargara en 2019 un inventario preliminar ao Grupo Naturalista Hábitat e identificáronse 87 taxones diferentes na contorna da fervenza de Segade e outras 23 na zona da Baxe. Por este motivo, o Concello destaca a diversidade biolóxica.
Sinala tamén que na leira municipal na zona da fervenza de Segade segue traballando o persoal do Obradoiro Dual de Emprego 'Os camiños do Camiño III', impulsado polo Concello de Caldas co financiamento da Xunta e do Ministerio de Traballo e Economía Social. Esta iniciativa permite recuperar os camiños tradicionais e os muros en pedra seca, impulsando a flora e o arboledo autóctono retirando especies invasoras.
Relacionadas:
-
Informes favorables para a restauración da Pontella de Segade de Abaixo
Por Redacción |
-
Caldas dá a benvida ao equipo do seu terceiro obradoiro de emprego
Por Redacción |
-
Inauguran o obradoiro de emprego que restaurará a contorna da central hidroeléctrica de Segade en Caldas
Por Redacción |
-
A recuperación da contorna de Segade centrará as prácticas dun novo obradoiro de emprego
Por Redacción |