Cumio en Marín para buscar novas oportunidades en materia de vivenda
Por Redacción
Que Marín sexa un territorio "atractivo" a nivel habitacional e se poidan xerar novas oportunidades para as promocións inmobiliarias. Ese é o obxectivo do encontro sectorial que convocou o goberno municipal para o próximo 24 de marzo, no Museo Manuel Torres.
A esta cimeira están convocados, segundo informa o Concello, construtoras, promotoras, inmobiliarias, administradores de fincas e outras empresas do sector. Todas elas analizarán a situación actual da vila e trazarán as posibles vías de crecemento.
Nesta mesa de traballo, que se celebrará baixo o nome "Marín Urbano, para vivir", participarán representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo, destacados arquitectos e os responsables municipais da oficina da ARI e do servizo de Urbanismo.
O programa da mesa está estruturado en cinco bloques, comenzando por 'Marín presente', no que se analizará a situación e o planeamento urbanístico, así como as expectativas de crecemento para facer o territorio máis integrado.
Na área 'Marín futuro' avaliaranse as posibilidades de inversión privada, co obxectivo de xerar un parque de vivenda atractiva para a poboación e na de 'Marín activa e estratéxica' valorarase a política municipal como a ferramenta de transformación urbana e inmobiliaria.
Por último, no bloque 'Marín histórico' falarase da rehabilitación de vivenda para embelecer e rehabilitar as zonas ARI; e en 'Marín arquitectónico' destacaranse aquelas xoias do patrimonio urbano que son unha oportunidade para a xeración de negocio.