Benestar Social pon en marcha obradoiros sobre a prevención de condutas aditivas para o alumnado de Pontevedra
A concellería de Benestar Social, en colaboración coa de Sanidade, desenvolve talleres sobre a educación para a saúde e a prevención de condutas aditivas nunha trintena de centros educativos de Pontevedra.
O concelleiro Marcos Rey asistiu a unha destas charlas este xoves no IES Valle Inclán. O programa, posto en marcha no mes de febreiro, trata temas como as adicións a substancias como o tabaco ou o alcohol, do mesmo xeito que outras máis comportamentais como son o xogo en liña, as apostas ou as compras impulsivas.
Este obradoiro está destinado ao estudantado de 1º a 4 da ESO e ciclos de FP e impártese nun total de 12 institutos. Para o alumnado de 5º e 6º de primaria, o Concello imparte outro taller que aborda cuestións como as habilidades sociais, a educación emocional ou a tecnoloxía da información. Nesta ocasión, as charlas realízanse en 18 centros educativos de primaria.
Os obradoiros destinados aos cursos de ESO e FP desenvólvense en cinco sesións de 50 minutos por aula, e os de primaria teñen unha duración de dúas sesións de 100 minutos para cada clase. No programa participarán un total de 59 aulas de primaria e 141 clases da ESO e FP, terminando a programación no mes de xuño.
"Tódalas sesións dos Obradoiros de Prevención de Condutas Aditivas inclúen dinámicas participativas, están adaptadas á idade dos rapaces e nelas téntanse desmontar mitos, analízanse os patróns de consumo e as estratexias publicitarias das diferentes marcas", apuntaba Marcos Rey.