Escolares de Ponte Caldelas crean un bosque de frondosas no antigo eucaliptal do Barazal
Por Redacción
O Barazal, un espacio de monte con espectaculares vistas que rodea ó depósito de auga de Anceu, en Ponte Caldelas, estaba ata hai uns meses plagado de eucalipto.
Logo da tala de todos os exemplares desta especie pirófita, a Comunidade de Montes de Anceu decidiu crear un bosque de frondosas para crear un espazo de calidade para a veciñanza e os visitantes.
O obxectivo dos comuneiros era que a cativada plantara as árbores para xerar unha vinculación directa co bosque. Deste xeito, cada árbore quedou este martes nomeada pola rapazada e, ademais, prevese que no futuro poidan visitar a zona para coñecer como cambian as árbores nas diferentes estacións do ano.
Foron preto de 200 nenas e nenos, 117 do colexio Cordo Boullosa e 67 da Reigosa, os que participaron na creación do Coto de Frondosas do Barazal, onde han medrar tilos, acivros, pradairos, tulíperos, arces, érvedos, liquidambars ou caprudes, entre outras especies.
A actividade, estivo comandada polo presidente da Comunidade de Montes de Anceu, Camilo Garrido, o axente ambiental do Distrito XIX, Breogán del Río; e contou tamén coa participación do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.
O equipo do distrito XIX e ducias de veciños de Anceu colaboraron coa rapazada na plantación das diferentes árbores, dando lugar a unha fermosa actividade interxeneracional da que se amosaba moi orgullosa a veciñanza da parroquia.