Poio aproba a addenda para poñer máis cartos no convenio da depuradora de Paxariñas
Por Oskar Viéitez
A corporación municipal aprobou este martes por unanimidade a addenda a realizar no convenio asinado entre Acuaes e os concellos de Poio e Sanxenxo para a mellora e ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Paxariñas.
Unha actuación que, a través desta modificación, pasará a contar cun orzamento que roldará os 24 millóns de euros.
A addenda actualizou o importe do proxecto, taxado inicialmente en 17 millóns de euros, para dar resposta ás modificacións e esixencias que establecen administracións como Costas, a Axencia Galega de Infraestruturas e Augas de Galicia. Ademais, tamén se cobren os axustes de prezos derivados da inflación actual.
Os membros do goberno local afirmaron que esta depuradora rematará cun "problema endémico que se viña prolongando durante décadas, ante a falta de solucións por parte da Xunta de Galicia, que é a administración responsable deste servizo".
"Non renunciamos a conseguir aumentar a porcentaxe de fondos europeos e tamén a que a Xunta de Galicia faga unha achega", dixo o portavoz socialista Gregorio Agís.
O concelleiro do BNG, Xulio Barreiro, incidiu en que as achegas que deberá realizar a administración local serán "perfectamente asumibles". Poio pagará uns 3,8 millóns de euros a 25 anos, o que equivale a aproximadamente 150.000 euros anuais "que non computan como débeda".
Pola súa banda, o portavoz do PP Ángel Moldes sinalou que "o problema do saneamento soluciónase grazas á solidariedade de moitas persoas, empezando polo veciños de Sanxenxo, que permiten recibir as augas de Raxó e Samieira".
O porpular reclamou "humildade" aos concelleiros do goberno xa que "non é normal que se dediquen a enviar cartas ás casas presumindo e dando a entender que a depuradora está feita, cando a día de hoxe aínda estamos vertendo directamente ao mar".
"Hoxe demos un paso máis nun proceso que será longo e que seguramente volva a pleno para aprobar outras adendas", advertiu Moldes.
Relacionadas:
-
Acuaes comeza as obras de ampliación da depuradora de Paxariñas
Por Oskar Viéitez |
-
Licitada a ampliación da depuradora de Paxariñas e do emisario submarino de Montalvo por 26 millóns de euros
Por Redacción |
-
O custo da ampliación da EDAR de Paxariñas crecerá ata os 26 millóns
Por Redacción |
-
Sae a exposición pública o proxecto de ampliación da EDAR de Paxariñas
Por Redacción |