O custo da ampliación da EDAR de Paxariñas crecerá ata os 26 millóns
Por Redacción
Ata os 26 millóns, oito máis dos previstos inicialmente, aumentará a licitación das obras de ampliación da EDAR de Paxariñas, en Sanxenxo. Así figura nos pregos que aprobou o consello de administración da sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España (Acuaes), que impulsa estes traballos.
O orzamento base de licitación, segundo informa esta sociedade dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, roza os 21,8 millóns de euros.
As obras terán un prazo de execución de 31 meses e incluirán toda a rede necesaria para o sistema de colectores e bombeos.
A esta actuación, dentro da mesma licitación, súmase as obras para executar o emisario submarino de Montalvo, tamén en Sanxenxo, que conta cun orzamento de licitación de 4,24 millóns de euros e un prazo de execución de doce meses.
A licitación destes contratos prodúcese despois de que a comisión de seguimento das obras se reunira o pasado 14 de febreiro, coa presenza da directora xeral de Acuaes, María Rosa Cobo, e os alcaldes de Poio e Sanxenxo, Luciano Sobral e Telmo Martín.
Nesta reunión, as tres partes acordaron asinar unha addenda ao convenio vixente para elevar o orzamento total ata os 29 millóns, IVE incluído, que estarán financiados ao 50% polos fondos europeos FEDER.
Estas obras, declaradas de interese xeral do Estado, teñen como obxectivo resolver as deficiencias de funcionamento e de capacidade da actual depuradora e mellorar o saneamento integral da ría de Pontevedra.
Os traballos executaranse en dúas fases, comezando pola ampliación da EDAR actual, na que se incorporará un novo pretratamiento con catro liñas de tamizado e desarenado-desengraxado, un tratamento biolóxico e decantación secundaria con catro liñas e un sistema de desinfección da auga tratada mediante ultravioleta.
O proxecto prevé ademais unha nova liña de lodos mediante espesamiento e deshidratación, a construción de novas estacións de bombeo e impulsión en Raxó e Areas e a remodelación das situadas actualmente en Sanxenxo e Espiñeiro.
Tamén se ampliarán diferentes tramos da rede de colectores e impulsións, que permitirán conectar estes bombeos coa nova EDAR.
Con respecto ao novo emisario submarino de Montalvo, que terá 1.300 metros de lonxitude e 630 milímetros de diámetro, substituirá ao sistema existente.
Nunha segunda fase procederase á remodelación do colector da Avenida de Madrid, en Sanxenxo, e á adecuación da estación de bombeo e impulsión do Laño, en Poio.