Empezan os preparativos da campaña estival en Sanxenxo coa tramitación dos servizos nas praias
Por Redacción
Sanxenxo comeza a prepararse para a campaña estival coa licitación dos servizos de praias.
O consello de administración de Turismo de Sanxenxo celebrado este mércores deu luz verde ao concurso da limpeza de aseos e de mantemento de praias por 71.414 e 62.657 euros, respectivamente. Así mesmo, aprobou as prórrogas dos contratos para a consecución da Q de Calidade, Bandeiras Azuis, quioscos, surf, pádel e parque acuático de Baltar.
Os aseos das praias de Sanxenxo volverán limpar un verán máis cada hora e media para garantir a máxima hixiene nestes espazos. Unha esixencia que se iniciou o primeiro verán de pandemia e que o goberno considerou que debe quedar para seguir posicionando ao municipio como un destino seguro e ofrecer un plus de calidade no servizo de praias.
Os módulos de aseos volverán contar tamén con xel hidroalcohólico e unha cobertura a “todo risco” que cubrirá calquera dano ou avaría. A limpeza manterase desde o 15 de xuño ata o 31 de setembro nos quince módulos existentes cun horario de apertura de 11 a 21 horas.
En canto aos traballos de mantemento, contemplan actuacións en 22 praias do termo municipal: Sagunto, Pampaído, Area de Agra, Areas, Palacios-Barreiros, Grileira, Lavapanos, A Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nosa Señora da Lanzada, Areas Gordas, Lapa e O Espiñeiro-A Lanzada.
O presente proxecto inclúe, entre outras actuacións, o desmonte, retirada, traslado e almacenamento das pasarenas das distintas praias. Estas tarefas non se poden realizar ata a finalización da tempada estival, polo que se establece que o prazo de execución das obras estea vixente ata o 30 de setembro de 2023.
En canto ás actuacións de mantemento inclúense reparacións, reposicións e pintados de varandas de protección, así como lasurado de valados, escaleiras ou ramplas. Tamén reposición de elementos rotos ou deteriorados nos módulos de aseos e casetas de socorrismo.
Relacionadas:
-
Rueda destaca a Galicia como destino turístico sustentable na entrega das bandeiras azuis
Por Anxo Lourido |
-
Sanxenxo volve liderar as praias con bandeira azul de Galicia, a terceira rexión con máis distintivos
Por Redacción |
-
O proxecto para recuperar e pór en valor a torre da Lanzada ascende a 488.000 euros
Por Redacción |
-
Sanxenxo reduce a taxa de paro grazas ao crecemento do turismo en tempada baixa e o desenvolvemento do parque empresarial
Por Oskar Viéitez |