Axudas da Deputación para xestionar os fondos europeos para promover o turismo deportivo sostible da provincia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra anuncia a súa intención de poñer en marcha proximamente unha liña extraordinaria de subvencións para axudar aos concellos da provincia a que opten aos fondos europeos para proxectos de turismo deportivo sostible.
Esta liña de axudas da Deputación estará dotada con 295.000 euros e busca colaborar cos concellos para preparar a documentación necesaria para optar a esa convocatoria para o fomento do turismo deportivo sostible do Plan de Recuperación do Goberno de España, que terá un orzamento total de máis de 36 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation EU.
A finalidade da convocatoria que prevé activar o Goberno do Estado é, a través da mellora das infraestruturas e espazos deportivos municipais, fomentar o turismo deportivo sostible, intentando que o deporte aumente o potencial de atracción de turismo nacional e internacional dos concellos. Preténdese así incrementar a actividade económica sostible e o emprego en zonas rurais, de menor densidade de poboación ou que están sendo abandonadas, incidindo na igualdade e a inclusión, a dixitalización e a eficiencia enerxética.
Co fin de informar aos concellos de todos os detalles desta nova convocatoria e resolver as dúbidas que poidan xurdir, a Deputación reunirá o vindeiro xoves 30 de marzo aos alcaldes e alcaldesas da provincia.
A liña de subvencións que lanza a Deputación de Pontevedra vai destinada aos concellos de menos de 50.000 habitantes que acrediten presentar algún proxecto a esta convocatoria europea. Así, poderán solicitar achegas por un máximo de 5.000 euros para sufragar os gastos das asistencias técnicas que se contraten para preparar a documentación necesaria para a solicitude da axuda. Tamén, para a redacción e/ou adaptación dos proxectos de investimento que se poidan acoller a esta convocatoria do Consello Superior de Deporte.