Poio súmase ás reivindicacións pola mellora da saúde mental infanto-xuvenil
Por Redacción
A Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio decidiu sumarse á declaración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en apoio ao acordo pola mellora da saúde mental infanto-xuvenil de Galicia.
Así se decidiu nunha reunión celebrada este xoves, na que se acordou presentar no vindeiro Pleno da Corporación unha moción para reivindicar a necesidade de que se tomen medidas en favor da saúde mental, recoñecendo a necesidade de traballar desde as institucións na mellora do sistema de coidados neste eido, especialmente na infancia e na adolescencia.
A premisa da que parte a Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios é a necesidade de que se aborden problemas estruturais como o déficit de profesionais, a falta de programas preventivos, a distribución desigual dos servizos no territorio ou as dificultades de coordinación das unidades especializadas cos servizos locais de proximidade. Falan, así, dos centros de atención primaria, centros educativos e puntos de atención social dos concellos.
A presidenta da Mesa, Marga Caldas, trasladou aos colectivos que integran este órgano do resultado da xuntanza mantida hai unhas semanas co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para falar da construción do futuro centro de saúde.
Marga Caldas tamén informou sobre os trámites relacionados con este proxecto chave para o futuro do municipio e lembrou que a Administración local xa adquiriu os terreos.
A Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio tamén acordou apoiar ás familias do municipio con persoas afectadas por parálise cerebral. Os grupos políticos e os representantes do tecido asociativo da Mesa coinciden na necesidade de que a Consellería de Sanidade facilite axudas para a obtención de cadeiras mecánicas para persoas que padecen este tipo de doenzas, a fin de que tanto eles como os seus achegados e achegadas poidan evitar "un maior desgaste físico e psicolóxico, mellorando a súa calidade de vida".
Relacionadas:
-
Poio volve insistir a Sanidade para que "axilice ao máximo" a tramitación do novo centro de saúde
Por Redacción |
-
A Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios convoca unha xuntanza para preparar a manifestación de febreiro en Compostela
Por Redacción |
-
Masiva protesta pola "situación especialmente extrema" da atención primaria en Poio
Por Redacción |
-
Poio súmase de forma activa á recollida de sinaturas para a ILP que busca mellorar a atención primaria
Por Redacción |
-
O Sergas pecha durante 15 días o ambulatorio de Raxó e non cubrirá as vacacións do persoal no Centro de Saúde de Baltar
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada