Luces apagadas con motivo da 'Hora do Planeta'
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra súmase, un ano máis, á 'Hora do Planeta', unha acción promovida desde hai 16 anos pola organización WWF en prol da defensa da natureza e do medio ambiente.
Por ese motivo, este sábado 25 de marzo entre as 20:30 e 21:30 horas, o goberno provincial apagou as luces de todos os seus edificios e sedes para unirse a esta iniciativa na que participan numerosas cidades, institucións e persoas en todo o mundo para amosar o apoio á acción conxunta contra o cambio climático.
No caso de Pontevedra, apagaron as luces da sede do Pazo Provincial, as do Edificio Administrativo e as da sede Turismo Rías Baixas (Palacete das Mendoza); en Vigo, fixo o mesmo na sede provincial da rúa Chao.
Con esta acción simbólica, a Deputación pon de manifesto o seu "firme compromiso co medio ambiente, impulsando e liderando numerosas iniciativas para deter e reverter a perda da natureza".
Ademáis, pretende facer reflexionar á cidadanía sobre o dano que estamos a provocar á natureza e como pequenos xestos poden contribuír a palialos e a construír, así, un planeta con garantías de futuro.
Pola súa banda, desde WWF destacan que esta década ten que ser un punto de inflexión e debemos por en valor a natureza e priorizar a súa recuperación xunto a do noso clima. "Os vindeiros sete anos serán cruciais para determinar o mantemento dentro dos nosos límites planetarios, ou pasaremos a un estado de degradación ambiental irreversible e de cambio climático que desembocará en graves implicacións socioeconómicas", sosteñen.
O obxectivo é actuar agora para que non se poña en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións vindeiras.