A empresa pontevedresa Taelpo Telecom entra en concurso de acredores
Por Oskar Viéitez
O Boletín Oficial do Estado deste 2 de xaneiro publica a declaración de concurso de acredores da empresa pontevedresa Taelpo Telecom.
O Xulgado do Mercantil 1 de Pontevedra, comunica o auto de declaración de Concurso Voluntario do debedor Taelpo Telecom, S.L., cuxo centro de intereses principais está situado en lugar Ponte Bora, 24. Este auto foi ditado o pasado día 10 de decembro.
Este xulgado acordou a intervención das facultades de administración e disposición que seguirá exercendo o debedor, pero necesitando a autorización da administración concursal. Designouse como administrador concursal a Javier López Romero.
A partir deste trámite faise un chamamento dos acredores para que comuniquen á Administración Concursal a existencia dos seus créditos no prazo dun mes.
Taelpo iniciou a súa actividade en Pontevedra no ano 1.984, sendo entón as instalacións eléctricas industriais a súa principal actividade. Taelpo Telecom forma parte deste grupo de empresas.
Ao longo do ano 2013 a empresa Taelpo Telecom foi obxecto dunha investigación polo fiscal de delitos económicos tras unha denuncia por unha suposta fraude na captación de axudas económicas de I+D+i.