Veciños afectados polo novo vial a Montecelo reclaman reunións cos tres grupos municipais
Por Redacción
O martes 28 de marzo, os veciños do lugar de Moldes en Mourente afectados polas obras e trazado do novo vial ao Hospital Montecelo presentaban no Rexistro do Concello de Pontevedra varias solicitudes de reunión con membros dos tres grupos municipais con representación na Corporación Municipal.
En concreto, pediron un encontro con dous concelleiros do BNG Alberto Oubiña, en calidade de concelleiro de Coordinación rural, e Eva Villaverde, concelleira de Seguridade Cidadá. Por parte do PSOE, solicitaron unha reunión con Iván Puentes, como concelleiro de Medio Ambiente e tamén candidato á Alcaldía. E con Rafa Domínguez, candidato á alcaldía polo Partido Popular.
Previamente, o pasado sábado 25 de marzo, os afectados polo novo vial a Montecelo mantiñan unha asemblea para debater as próximas actuacións. Reclaman poder ter acceso ás súas propiedades, unha posibilidade que as obras e o trazado proxectado fai imposible.
Nun escrito dirixido ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores o pasado venres 24 de marzo expoñían esta situación e lembraban ao rexedor que "no Diario Oficial de Galicia 196 do 11 de outubro de 2021 a Xunta de Galicia esixe a reposición dos accesos aos terreos afectados polo novo vial, e o Concello no proxecto que deseñou non contemplou devanditos accesos".
Por esta razón, os propietarios afectados "esiximos ao Concello a creación de novos accesos aos terreos".
Explican os veciños de Moldes que o non poder entrar nos seus terreos trae consigo "a imposibilidade de rozar as nosas fincas pola existencia de taludes de 4 e 5 metros". Alertan de que a falta de limpeza da maleza conleva un risco de incendio.
Tamén xunto a este escrito presentaron unha nova petición de entrevista co alcalde, lamentándose de que "a pesar de solicitar entrevistas co alcalde, concelleiro de Obras, concelleiro de Mourente (25 entradas por Rexistro a cada un dos responsables) non nos contestaron nin recibido ningún dos tres".
Relacionadas:
-
Domínguez ve "moi grave" deixar sen acceso aos propietarios das leiras do vial de Montecelo
Por Redacción |
-
Afectados polo novo vial de Montecelo: "Están a colocar as lastras para as beirarrúas e só hai rebaixe nos dous accesos ás casas"
Por Diego Espiño |
-
Veciños de Mourente reclaman o arranxo urxente das beirarrúas de acceso a Montecelo
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
Veciños de Mourente presentan alegacións ao novo vial de acceso ao Gran Montecelo
Por María José Pita |