A liquidación das contas de 2022 deixa en Meaño máis de 4 millóns de euros en remanentes
Por Redacción
As arcas municipais do Concello de Meaño teñen 4,4 millóns de euros en remanentes. Así o certifica a liquidación do orzamento de 2022, que para o goberno municipal demostra a "boa saúde económica" desta administración local.
Para o alcalde, Carlos Viéitez, rematar o exercicio coas contas "totalmente saneadas" é o resultado dun "minucioso traballo" e dunha "xestión responsable" dos fondos públicos.
Destaca ademais que Meaño é un dos municipios con menor prazo de pago a provedores, con tan só seis días de espera, e que manteñen unha das presións fiscais máis baixas da comarca, tras conxelar un ano máis todas as taxas e impostos.
Pola contra, Viéitez subliñou a "gran transformación" rexistrada en Meaño durante este mandato cun importante pulo ás humanizacións "para gañar espazo público para a veciñanza"; con vías máis seguras tanto para os peóns como para o tráfico rodado.
A liquidación do orzamento, conclúe o rexedor, aporta "cifras superiores as herdadas no comezo da lexislatura", o que, segundo o alcalce, avala a xestión realizada nestes anos polo grupo de goberno.