As traballadoras de H&M de Pontevedra van á folga este sábado ante os quebrantamentos do convenio
Por Redacción
Este xoves 30 de marzo, as traballadoras das tendas de H&M de Pontevedra e de Vigo anunciaron a súa decisión de sumarse á convocatoria realizada polo persoal de Lugo e acudir á folga os sábados 1 e 8 de abril.
Con esta medida mostran o seu rexeitamento ao quebrantamento do convenio colectivo por parte da empresa.
Durante esas xornadas está prevista unha protesta diante do establecemento situado en Benito Corbal ás 10.00 horas de ambos os sábados.
A folga está promovida polo comité de empresa formado por CIG, CCOO e UXT. Con este paro buscan que a empresa cumpra o convenio colectivo de comercio vario da provincia de Pontevedra.
Os sindicatos indican que a empresa multinacional de venda de roupa non paga os atrasos salariais nin actualiza os soldos, ademais de non respectar as condicións sociais que establece o acordo.
Desde CIG-Servizos sinalan que a cláusula recollida no convenio, que obriga a ter só un 25% de contratos parciais, se está a incumprir, xa que terían que incrementar horas ás dependentas, algo que non se realiza. A situación está denunciada ante a Inspección de Traballo.