A esperada Variante Oeste de Caldas terá un orzamento próximo aos 54 millóns de euros
Por Redacción
A futura Variante Oeste de Caldas de Reis está máis próxima de ser unha realidade. Trátase dunha infraestrutura moi esperada desde que no ano 209 se puxo en marcha a Variante Este e en 2010 entrou en funcionamento novo acceso ao porto de Vilagarcía e agora o Goberno anuncia a próxima adxudicación da redacción do estudo informativo deste proxecto.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, subliñou este luns o "compromiso total" Goberno centro con este proxecto "histórico e imprescindible" para esta localidade e deu a coñecer a "próxima" licitación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA).
Segundo avanzou a subdelegada, están a traballar para "adxudicar canto antes" o contrato de servizos para a "Redacción do estudo informativo Estrada N-640. Variante oeste de Caldas de Reis e Acceso ao Porto de Vilagarcía de Arousa" por 770.836,07 euros (IVE incluído).
Larriba visitou Caldas de Reis, onde mantivo un encontro de traballo co alcalde, Juan Manuel Rey, e con técnicos do Ministerio para analizar os avances nas actuacións desta Variante.
Avanzou tamén que o orzamento estimado das obras para incluír no estudo informativo ascende, de maneira preliminar, a 54 millóns de euros.
A posta en servizo da Variante Este de a N-550 en Caldas de Reis (en 2009) e a estrada de novo acceso ao porto de interese xeral de Vilagarcía de Arousa (en 2010), configuraron un escenario que evitaba o paso de tráfico de longo percorrido a través de Caldas nos itinerarios entre o leste e o sur e norte, e o acceso ao citado porto sen pasar pola travesía de Vilagarcía (actual N-640). Con todo, a Variante Este non evita que os tráficos en dirección este-oeste da N-640 atravesen o centro urbano de Caldas de Reis en travesía.
Por iso, é preciso abordar un estudo informativo no que se determinarán as alternativas de trazado para a Variante Oeste de Caldas, que permitirá evitar o paso pola actual travesía, que inclúe dous xiros de 90 graos en rúas principais da cidade, dos tráficos da N-640.
Maica Larriba sinalou que o estudo informativo inclúe a concepción dunha nova vía con control de accesos entre o final da nova Variante Oeste e a ligazón de Godos, no km 233 da N-640, que dá inicio á travesía de Vilagarcía (N-640) e o novo acceso ao porto de Vilagarcía (N-640). Así mesmo, o estudo informativo, que incluirá a preceptiva avaliación de impacto ambiental, contemplarase con visión global a mellora das comunicacións da zona.