Alberto Varela aplaude a posibilidade de unir a circunvalación sur coa autoestrada AP9
Por Redacción
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, celebra que por fin o Ministerio de Transportes decidira actuar sobre a variante de Caldas de Reis, o que implica, tamén, a mellora dos accesos ao porto de Vilagarcía, de interese xeral do Estado. Isto significará que a cidade contará cun acceso directo á autoestrada AP9 e unha mellora notable na entrada e saída de Vilagarcía polo Sur e Este.
O rexedor considera que a licitación, esta mesma semana, do estudio informativo deste novo vial, por valor de 773.000 euros, "é sen dúbida una boa noticia tanto para os cidadáns coma para os empresarios, pois non só se mellorará o tráfico e a mobilidade, senón que incrementará a competitividade do porto, motor económico de primeiro orde no municipio".
Segundo as previsións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, as obras terán un presuposto de arredor de 54 millóns de euros, o que dá unha idea da envergadura do investimento. Os equipos técnicos que participen no concurso para a adxudicación do estudo deberán presentar as súas propostas antes do 25 de novembro. As diversas plicas serán abertas o 28 de novembro (administrativa), 2 de decembro (técnica) e 12 de xaneiro de 2023 (económica). O adxudicatario terá dous anos como máximo para entregar o traballo. Unha vez que se coñezan as distintas propostas, os concellos de Vilagarcía e de Caldas estudarán conxuntamente cal é a mellor solución, posto que o proxecto entende como un todo tanto a variante de Caldas como a continuidade do novo vial ata o acceso ao porto de Vilagarcía.
Segundo informou o ministerio, a posta en servizo da Variante Este da N-550 en Caldas de Reis, en 2009, e a estrada de novo acceso ao porto de interese xeral de Vilagarcía de Arousa, un ano despois (2010), configuraron un escenario que evitaba o paso de tráfico de longo percorrido a través de Caldas nos itinerarios entre o Leste e o Sur e Norte, e o acceso ao citado porto sen pasar pola travesía de Vilagarcía (actual N-640A). Con todo, admite o Goberno central, "a variante Este non evita que os tráficos en dirección Este-Oeste da N-640 atravesen o centro urbano de Caldas de Reis en travesía".
Por iso, agora considérase que é necesario abordar un estudo informativo que contemple alternativas de trazado a un variante oeste de Caldas que permita evitar o paso pola travesía, que inclúe dous xiros de 90 graos en rúas principais da vila, dos tráficos da N-640. O alcance da variante –explica o Ministerio- chegará desde a N-550, polo Leste, ata a contorna da ligazón da AP-9, na contorna do quilómetro 230 da N-640, polo Oeste. Pero, ademais, o estudo informativo agora en licitación inclúe a concepción dunha nova vía con control de accesos entre o final da nova variante Oeste e o km 233 da N-640, que dá inicio á travesía de Vilagarcía (N-640A) e o novo acceso ao porto de Vilagarcía (N-640). O estudo contemplará, por fin, unha mellora global das comunicacións da zona.
Malia que se precisará tempo para o desenvolvemento do estudo informativo, primeiro, e das obras en sentido estrito, despois, o alcalde vilagarcián valora moi positivamente esta aposta do Goberno central pola cidade e a súa contorna, que verán sensiblemente melloradas as súas comunicacións co resto de Galicia e de España.