'Gastamos Pista', a andaina que celebra o Día Mundial da Actividade Física
Este mércores pola mañá tivo lugar unha andaina pola localidade lerezana co motivo de celebrar o Día Mundial da Actividade Física. O roteiro partiu desde o Centro de Saúde Virxe Peregrina ao redor das 11:00 horas e percorreu unha distancia duns 5 kilometros.
Avanzando por diversas ruas do centro pontevedrés ata acadar a zona da Illa das Esculturas e posteriormente regresar ao punto de saída, persoas de todas as idades puideron gozar dunha actividade física adaptada a todas as patoloxías e condicións, segundo explicou o concelleiro de Benestar Social Marcos Rey.
Á actividade asistiron persoas de todas as idades entre as que se atopaba Carmen Abeledo, presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, que realizou a andaina para participar neste Día Mundial da Actividade Física.
O edil tamén participou nesta andaina e explicou que a actividade física "é unha maneira de previr certas patoloxías e incluso mellorar". Desde a concellería de Benestar Social afirman que con este tipo de propostas esperan concienciar á xente para que realicen actividade física como camiñar diariamente.
Doutra banda, Marcos Rey quixo destacar que o roteiro Gastamos Pista "é un roteiro sinxelo, apenas ten desnivel e o percorrido está adaptado a todas as patoloxías", polo que convida a toda a poboación a participar en próximas edicións.