O programa "Bosques terapéuticos" volve a partir do vindeiro 15 de abril e inclúe este ano 38 rutas
Por Oskar Viéitez
Volven os "Bosques Terapéuticos", a proposta provincial de lecer, cultural e terapéutica que invita a desfrutar da natureza e dos beneficios dos chamados "baños de bosque" nos espazos naturais da provincia.
A partir do 15 de abril e ata o 20 de agosto haberá un total de 38 rutas por sete paraxes situados nos concellos de Marín, Vilaboa, Poio, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Vigo e Meis, cun total de 570 prazas.
O vindeiro luns, 10 de abril, abriranse as inscricións para as primeiras seis rutas deste mes de abril e as persoas interesadas poderán anotarse na web da Deputación.
A deputada provincial de Medio Ambiente, Iria Lamas, destacou en rolda de prensa que esta é "unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna e, amais, trátase dunha terapia que cada vez máis estudos definen como beneficiosa para a saúde e para a prevención mesmo de enfermidades".
A través dunha ruta guiada danse a coñecer os espazos naturais e, de xeito especial a posta en valor dos beneficios destes "baños de bosque".
As 38 rutas desenvolveranse por sete espazos singulares, en concreto o Lago de Castiñeiras (Vilaboa-Marín); A Fervenza do Toxa (Silleda); a Carballeira de san Xusto (Cerdedo-Cotobade); a Illa de Tambo en Poio; a ruta pola contorna do Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro); a do Espazo Natural do Río Eifonso (Vigo) e a Ruta da Pedra e da Auga en Meis.
Serán 15 prazas as ofertadas en cada sesión, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se necesitan para o desenvolvemento desta actividade. Por iso as visitas, destinadas a público xeral (os menores deberán ir acompañados) e cunha duración de entre hora e media e 2 horas, comezarán ás 10 horas para a procura de tranquilidade e conexión coa natureza.
Ademais as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.
As rutas celebraranse os sábados e domingos e, das 38 previstas, 6 celebraranse en abril, outras 8 en maio, 8 en xuño, 10 en xullo e 6 en agosto.
Relacionadas:
-
Sen prazas para as rutas dos 'Bosques Terapéuticos' de agosto
Por Redacción |
-
En 30 minutos esgotáronse as prazas nos oito roteiros dos "Bosques Terapéuticos" do mes de maio
Por Redacción |
-
Tambo e Cíes colgan o cartel de completo
Por Oskar Viéitez |
-
'Gastamos Pista', a andaina que celebra o Día Mundial da Actividade Física
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Visitas, obradoiros, contacontos e roteiros para descubrir o Castelo de Soutomaior en familia todo o ano
Por Oskar Viéitez |