A Axencia Galega de Infraestruturas construirá o novo centro de saúde de Meis
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a encomenda de xestión da Consellería de Sanidade á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), para a redacción do proxecto e a execución das obras do novo centro de saúde de Meis.
Esta encomenda supón o encargo a este ente público, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos que sexan precisos para a redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.
O resultado da prestación destes contratos debe ser, tal e como se fixou no convenio asinado entre a Xunta e o Concello de Meis o 11 de outubro de 2022, a construción dun novo centro de saúde de 972 metros cadrados que substituirá ás actuais instalacións sanitarias, empregadas durante os últimos 30 anos, e que dispón dun plan funcional que contempla seis consultas de adultos, unha sala polivalente, unha de toma de mostras; área pediátrica con dúas consultas e área da muller cunha consulta de matrona e sala de educación sanitaria.
Ese convenio incluía, como obrigas para o Concello de Meis, a cesión patrimonial libre de cargas e gravames e coa clasificación de uso sanitario da parcela acordada entre ambas administracións. Esta cesión foi completada trala súa aceptación polo Consello da Xunta na súa reunión de 23 de febreiro deste mesmo ano.