A presenza constante de indixentes perturba a actividade dos comercios da Peregrina
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Os comerciantes da rúa Peregrina cansáronse das molestias que causan a diario un grupo de persoas sen fogar que estableceron nesta céntrica vía a súa zona de estancia habitual. Gritan, molestan aos peóns, consomen alcol e fuman e prexudican a actividade económica dos comercios dunha das rúas máis transitadas por peregrinos, turistas e cidadáns.
"A súa presenza impide que a clientela acceda tranquila ao interior do local sen verse intimidada e isto resulta incómodo e está a restar clientela", recolle o escrito asinado por todos os comerciantes da rúa que presentaron no Concello cunha petición de reunión cos responsables da concellería de Seguridade Cidadá para tratar de atopar unha solución a este problema.
A petición foi rexistrada no mes de decembro e desde entón non recibiron resposta por parte do goberno local.
E a situación, lonxe de resolverse, empeora. Durante a Semana Santa foron numerosos os casos nos que estas persoas sen fogar increpaban ou molestaban aos turistas. Este mesmo xoves, un dos indixentes que se establece nesta rúa de forma recorrente, pasou boa parte da mañá sentado diante dun portal fumando e consumindo cervexa, practicando baloncesto de forma imaxinaria, falando a berros e dificultando a entrada e saída dos residentes do edificio.
"Levamos así desde a pandemia. É bastante molesto. Xa non chamamos á Policía porque nos din que están na vía pública e non poden facer nada. Aínda así a presenza policial é moi pouca, hoxe en toda a mañá so pasou un coche", explican as dependentas de Pedemeia, un dos establecementos que máis sofren a súa presenza.
"Deixan todo cheo de lixo, o noso local cheira a fume e temos que pechar a porta. Se lle chamamos a atención, provócannos máis. Insúltannos, ameazan, baixan os pantalóns...", relatan con hartazgo as empregadas, que denuncian ademais que se poñen a trapichear en plena rúa.
"Dan mala imaxe, non son agresivos, pero se impoñen. Entran a pedir nas tendas e cando se xuntan moitos póñense a berrar uns cos outros", engaden desde Juncal Golosinas.
De feito, algúns dos empresarios que teñen comercios nesta rúa instalaron elementos nos seus escaparates para impedir que a xente poida sentar neles. Neste sentido, moitos escaparates locen carteis nos que piden aos peóns que non senten nos bordos e mesmo hai mensaxes nun inmoble que lembran que se trata dunha propiedades privada á cal non está autorizada o seu acceso.
Por todos estes trastornos, os comerciantes confían en ser recibidos canto antes polo goberno local para que tomen cartas no asunto e incrementen a presenza policial. Tampouco queren que os boten desa rúa para que se vaian a outra a molestar a outros comerciantes, senón que busquen unha solución satisfactoria para todo o comercio local, a cidadanía e o turismo.