Susto na rúa Peregrina pola caída de cascotes á vía pública: "case se nos cae encima"
Por Natalia Puga
Os transeúntes que pasaban pola rúa Peregrina de Pontevedra ao redor das 13.30 horas deste xoves levaron un bo susto. De súpeto, unha serie de cascotes caeron desde un edificio entre os número 25 e 27 á vía pública, xusto antes da tenda de roupa infantil Kiddy's Class.
Non hai que lamentar ningún dano persoal, pois non caeron encima de ninguén, pero algúns veciños como Rita Villaverde levaron un bo sobresalto. "Case se nos cae encima", explicou a PontevedraViva.
Segundo relatou, circulaba por esa rúa e "cando chegamos á altura de Kiddy's Class, oímos un estrondo e miramos para atrás". O que viron sorprendeulles, porque "xusto caeu a fachada".
Esta veciña e as persoas que a acompañaban deron alerta á Policía Local de Pontevedra e de forma inmediata unha patrulla compareceu no lugar. Posteriormente, tamén chegou unha dotación da Policía Nacional.
Os policías procederon a colocar un cordón policial na zona afectada para garantir a seguridade aos viandantes.
Segundo confirmaron fontes da Policía Local, uns obreiros están a realizar unha obra no edificio afectado e, dentro deses traballos, caeron os cascotes.
Desde a Policía Nacional confirman que non hai feridos.