Cortado o acceso á praza da Pedreira pola caída de cascotes no arco
Por Oskar Viéitez
Debido á caída de cascotes foi cortado o acceso desde a rúa César Boente cara á praza da Pedreira, tamén coñecida como de Mugartegui polo Pazo que a preside.
O desprendemento produciuse no arco oxival do Pazo Mariño Lobeiras; unha xoia arquitectónica do centro histórico pontevedrés que leva anos apontoado suplicando unha rehabilitación.
Concretamente esborralláronse algunhas madeiras e cascotes da estrutura superior.
Polo momento non se informou de ningún dano persoal.
A Policía Local de Pontevedra precintou este acceso e colocou dous valos aínda que, ao longo da mañá, púidose ver a algúns transeúntes que fixeron caso omiso da advertencia e levantaron a cinta para cruzar.