A empresa EC Casas ten 138.000 euros e seis meses para "humanizar" Liñares
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Poio vén de aprobar a adxudicación á empresa EC Casas do proxecto de humanización a acometer no lugar de Liñares, na parroquia de San Xoán.
Esta é unha actuación que contempla a dotación de plataforma única, cunha nova superficie de empedrado, favorecendo a accesibilidade e mobilidade. A maiores, procederase á renovación dos servizos básicos e á instalación de alumeado.
A adxudicación realízase cun importe que ascende a un total de 138.705 euros que serán financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Tal e como figura na memoria técnica, a obra cubrirá unha extensión duns 600 metros cadrados aproximadamente nos que renovarase o pavimento, que actualmente se atopa moi deteriorado, e dotarase dunha plataforma única servirá para dar preferencia ao tránsito peonil, mediante a utilización dunha superficie de empedrado que xa se empregou noutros núcleos do municipio e que axuda a poñer en valor a contorna.
O documento elaborado polos técnicos municipais indica, asemade, a necesidade de efectuar a baixada das liñas eléctricas e de teléfono, o que axudará a eliminar barreiras arquitectónicas.
En canto á renovación de servizos, a actuación servirá para dotar a Liñares de novo alumeado público, máis eficiente co actual.
Contémplase o traslado do cruceiro á parte central da zona de actuación. Esta tarefa levarase cumprindo con todas as directrices que marca a Dirección Xeral de Patrimonio.
Por último, instalarase sinalización horizontal e vertical, quedando a velocidade limitada a 20 quilómetros por hora.
O prazo de execución da obra é de seis meses, polo que, se non se produce ningún contratempo, estará rematada antes de que finalice o ano.