Retencións de tráfico por un accidente sen feridos no que un coche empezou a arder
Por Redacción
A Policía Local e os Bombeiros de Pontevedra tiveron que actuar na tarde deste venres por un accidente de tráfico na avenida de Bos Aires no que un dos coches empezou a arder.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, tratouse dunha colisión por alcance sen feridos na que un dos vehículos, como consecuencia do accidente, ardeu e tiveron que intervir os bombeiros.
A consecuencia do accidente, e da intervención dos equipos de emerxencias, foi necesario cortar o tráfico na avenida de Bos Aires.
A Policía Local desviou o tráfico e provocáronse retencións na circulación. O accidente rexistrouse sobre as sete da tarde e menos dunha hora despois, o tráfico estaba xa restablecido.