Juan Manuel Rey, a polo seu quinto mandato en Caldas: "Mentres a veciñanza queira serei o seu alcalde"
Por Redacción
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis desde 2006, quere máis. Optará a un quinto mandato consecutivo á fronte da candidatura que o PSdeG-PSOE presentará ás municipais do próximo 28 de maio. Catro anos máis, dixo, que están "perfectamente deseñados".
Así o destacou o rexedor na súa presentación oficial como candidato, nun acto que se celebrou no auditorio municipal e no que asegurou que "sei que imos gañar" e que "mentres a veciñanza queira serei o seu alcalde e seguirei traballando para o meu pobo".
Rey defendeu que o mandato que remata agora "foi o mellor dos que tiven a honra de dirixir", pero avanzou que o que vén "será aínda mellor".
Tras definirse como un alcalde con vocación, o alcalde repasou os logros destes últimos anos, entre os que citou a nova sede da escola de música, a Vía Verde ata Vilagarcía, os avances en materia de saneamento ou as melloras en eficiencia enerxética que financiou Europa.
En canto aos proxectos de futuro, Juan Manuel Rey mencionou a nova variante da N-640, o centro de saúde ou a ampliación do instituto Aquis Celenis. A eles sumou a humanización da rúa Dona Urraca ou o remate das pozas da Tafona, que xa ten rematada a obra civil.
Unha folla de ruta que o candidato comprometeuse a materializar con "cercanía, humildade, traballo e diálogo". Iso si, criticou os "atrancos" que pon a Xunta a numerosos proxectos neste concello e cartos que "ou non se ven nunca ou tardan moito en verse".
Á presentación oficial de Juan Manuel Rey como candidato á reelección por parte do PSdeG-PSOE acudiron, entre outros cargos socialistas, a presidenta da Deputación, Carmela Silva; ou o secretario xeral do partido en Pontevedra, David Regades.