'Cáceres', homenaxeado por UXT e a Fundación Luis Tilve polo 1 de maio
Por Redacción
José Antonio García Lores 'Cáceres', secretario comarcal da UXT en Pontevedra entre os anos 1994 e 2004 será a persoa homenaxeada este ano polo sindicato e pola Fundación Luis Tilve con motivo do 1 de maio, Día Internacional dos Traballadores.
Vai a selo nunha cea de confraternidade sindical no restaurante La Brisa de Lourido o próximo mércores 26 de abril, ás 21:00 horas.
No evento presentarase o manifesto da UXT deste ano, no que se reivindica a subida dos salarios e a baixada dos prezos, así como o reparto dos beneficios pola marcha ascendente da economía.
'Cáceres' é un histórico sindicalista que, á fronte da UXT, ademais de facer unha reorganización interna do sindicato, abordou importantes conflitos como o do transporte, a reestruturación e traslado de Tafisa, o peche de Gráficas Pontevedra ou as mobilizacións contra a guerra de Irak.
No ámbito político, desempeñou a secretaría xeral da agrupación local do PSdeG-PSOE de Pontevedra durante dous mandatos e foi concelleiro na cidade entre 2003 e 2011, levando responsabilidades de Educación, Promoción Económica ou Persoal no goberno municipal.
Amante do balonmán, no mundo deportivo destacou o seu labor como directivo na SD Teucro.