Adeus ao festival Marín Vivo, que se cancela por falta de apoio municipal
Por Redacción
Non haberá unha sexta edición do festival Marín Vivo. Así o anunciaron os organizadores deste evento de música independente.
Trátase dunha decisión do goberno municipal, aclaran. "Aínda que non entendamos nin esteamos de acordo coa decisión tomada polo Concello de Marín, queremos darlles as grazas por estes cinco anos de festival", subliñan.
A organización despídese "non sen antes agradecer a todos os asistentes e a todo o equipo humano que o fixo posible o seu apoio e entusiasmo ante as bandas que ano tras ano os trouxemos ao pequeno festival".
Bandas e artistas da talla de Ginebras, Carolina Durante, Shego, Novedades Carminha, Anni B. Sweet, Cooper, Familia Caamagno ou The Limboos actuaron nel durante estes cinco anos.
No último pleno municipal, a portavoz municipal do BNG e candidata á Alcaldía, Lucía Santos, preguntou cales foron os motivos polos que o goberno municipal negou a colaboración con este evento e a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, afirmou que o festival non tiña aceptación e non gustaba en Marín.
Os nacionalistas cren que esas manifestacións "non correspóndense coa realidade, xa que calquera persoa que asistira a algunha das edicións puido comprobar o éxito das mesmas" e lembra que a "falta de interese" do Concello de Marín con este tipo de eventos xa se repetiu no ano 2017 "ao negar ou apoio ao Festimar".