Comezan as obras do novo skate park que transformarán O Cavadelo
Por Redacción
Cinco meses é o tempo que os vilagarciáns terán que esperar para ver a nova imaxe que terá o Parque do Cavadelo e para gozar do novo skate park e da renovada área de recreo.
Este luns comezou o valado da superficie na que a empresa Prace Servicios y Obras actuará para executar o proxecto promovido polo Concello de Vilagarcía e no que se investirán 373.155 euros procedentes de fondos propios e dunha achega do Plan Concellos da Deputación.
A actuación remodelará o céntrico parque urbano para convertelo nun espazo de ocio e encontro orientado á práctica dos deportes urbanos.
Con esta obra, o goberno local de Vilagarcía responde á necesidade de renovar un parque degradado polo uso e o tempo e a unha demanda dos usuarios das actuais instalacións, aos que se lles consultou previamente para coñecer as necesidades das distintas disciplinas deportivas e recollelas no proxecto.
O Concello encargou o proxecto a arquitectos con experiencia no deseño de infraestruturas dedicadas aos deportes urbanos.
A actuación prevista inclúe instalacións perfectamente equipadas e seguras destinadas á práctica de disciplinas como o skate, o parkour, o break dance e o BMX.
Ademais, o parque manterá as canchas de baloncesto e darase maior presenza ás zonas verdes e aos espazos de recreo para que a cidadanía poida gozar delas á vez que achegarse a coñecer estes deportes.
Cada modalidade deportiva contará cunha área propia para a súa práctica, dotada de equipamentos e infraestruturas específicas, orientadas cara o centro do parque para favorecer a comunicación e interacción social entre practicantes das distintas disciplinas e tamén entre o público e os transeúntes.
Para evitar que os peóns bordeen o parque para chegar á zona do Centenario, crearanse corredores que animen a pasar e a permanecer tamén no Cavadelo. Os arquitectos tamén tiveron en conta os materiais a utilizar en cada unha destas áreas deportivas, optando polos máis axeitados para a súa práctica.