TVE defende o uso do topónimo La Toja nun dos seus programas
Por Manu Otero
A Mesa pola Normalización Lingüística sae ao paso do comunicado da defensora da audiencia de TVE alegando que o nome da Toxa non aparece no rexistro de entidades locais, polo que defende o uso de La Toja.
Esta foi a mensaxe emitida en resposta á protesta dunha cidadá galega que criticou o uso do topónimo deturpado de A Toxa nun programa da canle pública. O ente público afirma na súa resposta formal á espectadora que "o seu Manual de Estilo a obriga a ser especialmente escrupulosa no respecto á toponimia conforme á legalidade vixente",.
Con todo, desde TVE defenden que "cando se trate de localidades que posúan oficialmente dous nomes, un en castelán e o outro na lingua cooficial, pero ningún tivera sido cambiado mendiante unha lei das cortes xerais, deberase empregar o máis utilizado pola audiencia, (se é o informativo nacional, débese usar o castelán) sen que se deba nomear cos dous nomes en paridade de valor".
Ante esta situación, a Mesa pola Normalización Lingüística vén de se dirixir á defensora da audiencia, para informala a ela e aos servizos xurídicos da corporación pública sobre a lexislación aprobada hai case 40 anos, ademais da xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo.
Esta afirma a plena validez do artigo 10 do artigo da Lei de Normalización Lingüística que sinala que "os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega" e engade que "corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza".
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, afirma que dende a entidade de defensa da lingua "queremos pensar que o uso interesado e errado que os servizos xurídicos e a propia defensora da audiencia fan da lexislación para argumentar a favor da deturpación toponímica non está baseada na mala fe, senón na ignorancia sobre todo canto ten a ver con Galiza, as nosas institucións, as mudanzas lexislativas operadas hai case 40 anos e a xurisprudencia que as asentou".
Sentencia Maceira que "esta ignorancia é especialmente grave ao se tratar dun servizo público de televisión, dependente do Estado e financiado tamén co diñeiro das galegas e galegos e que debe dar sempre información veraz".
Neste sentido, A Mesa aproveitou a resposta a TVE para informala tamén dos incumprimentos reiterados da lexislación audiovisual nas porcentaxes de uso do galego e dispoñibilidade de contidos en galego para menores de 12 anos. "Se non se actualizaron nos últimos 40 anos comprendemos as dificuldades para o faceren sobre o último ano, mais o descoñecemento das leis non exime do seu cumprimento", remata o presidente.
Relacionadas:
-
Guerra entre academias: a RAE prefire Sangenjo e a RAG lembra que a única forma oficial é Sanxenxo
Por Natalia Puga |
-
A Mesa poderá manifestarse ante o Foro La Toja: "Querían facer calar a quen defende o exercicio dos dereitos civís e lingüísticos"
Por Redacción |
-
O Goberno prohíbe a manifestación de A Mesa polo uso "ilegal" do topónimo La Toja
Por Redacción |
-
A Praza da Leña volverá denominarse Eirado da Leña
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
A UNED insta os seus alumnos a referirse a 'Poyo', 'Villanueva de Arosa' ou 'Arteijo' como topónimos "correctos"
Por Redacción |