O Pazo de Besada cobra vida co traslado dos servizos sociais e o CIM o xoves 27
Por Redacción
Este xoves 27 de abril comeza unha nova etapa no Pazo de Besada. Este palacete da parroquia de San Salvador de Poio acollerá a partir desa xornada a actividade dos departamentos de Servizos Sociais e Mocidade e do Centro de Información á Muller (CIM).
Estes departamentos van empezar a realizar a atención ao público nestas emblemáticas dependencias, cuxa rehabilitación e reforma integral concluíu hai uns meses.
Esta semana xa se completará o traslado das oficinas que ata o de agora se emprazaban na Casa Rosada e haberá atención ao público en horario de mañá.
A concelleira de Servizos Sociais, Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández, explica que na planta baixa quedarán habilitadas as oficinas correspondentes a Servizos Sociais, mentres que no primeiro andar se instalarán os e as traballadoras da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Mocidade.
Na primeira etapa tamén se emprazará o Centro de Información á Muller e habilitaranse dous ordenadores para a veciñanza, que poderán ser utilizados para realizar xestións e trámites telemáticos.
A Casa Rosada continuará acollendo actividades lúdicas, tal e como se viñan facendo ata o de agora.
O Concello promoveu a reforma deste histórico inmoble, que a principios do século XX albergou a residencia do ex ministro de Asuntos Económicos Augusto González Besada, a través dunha achega do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que superou os 500.000 euros.
Relacionadas:
-
Despedida a tres traballadoras dos Servizos Sociais de Poio pola súa xubilación
Por Redacción |
-
Poio recupera o Pazo de Besada para a veciñanza
Por Oskar Viéitez |
-
Remata a rehabilitación integral do Pazo de Besada
Por Redacción |
-
As obras do Pazo de Besada rematarán a finais de xullo
Por Redacción |