Kartlonga, o vehículo eléctrico do IES de Vilalonga que recolle premios por toda a Península
Por Redacción
O 'X Foro de Innovación Tecnolóxica na Automoción' do IES de Vilalonga servirá nesta edición para exhibir o proxecto de coche eléctrico deseñado polo FP de Automoción de Vilalonga, Kartlonga, co que está a participar nunha liga internacional de coches verdes obtendo importantes resultados.
Trátase dun bólido de menos de tres metros de longo, de 80 centímetros de ancho e apenas 80 quilogramos de peso co que xa obtiveron catro premios e competiron en Navarra, Valencia e mesmo Lisboa.
O obxectivo é realizar unha competición destas en Galicia na que se poidan competir con outros vehículos das mesmas características.
O Foro celebrarase este xoves 27 e este venres 28 e, nesta ocasión, salienta nas diferenzas das novas tecnoloxías da electrificación e do hidróxeno que se desenvolven para os vehículos.
A actividade conta con charlas impartidas por profesionais do sector chegados de distintos puntos da xeografía española, ademais da participación de docentes doutros centros educativos galegos ou a presentación de proxectos de innovación da FP da automoción en Galicia.
O X Foro de Automoción arrancará o xoves, pola tarde, con talleres prácticos no IES de Vilalonga sobre ciberseguridade, cambios automáticos ou diagnóstico en motores térmicos.
O venres a actividade trasladarase, pola mañá, ao auditorio de Emilia Pardo Bazán con relatorios e mesas redondas onde sentarán representantes de marcas punteiras na automoción. Pola tarde, seguirá o bloque práctico no instituto con demostracións de camións de hidróxeno, un vehículo militar, un Q8 ou un Lexus.
Durante estas dúas xornadas, realizaranse exposicións de libros técnicos, ferramentas e vehículos innovadores e realizaranse probas de vehículos eléctricos e híbridos na estrada.