Carmen Uhía Martínez, Raia de Ouro 2023 pola súa traxectoria vinculada á venda tradicional de peixe
Por Redacción
Carmen Uhía Martínez, peixeira referente en Portonovo de 99 anos, será recoñecida este ano coa Raia de Ouro do Concello de Sanxenxo pola súa "longa traxectoria vinculada á venda tradicional de peixe".
Desde o Concello sinalan que se trata dunha traballadora incansable que, con apenas 10 anos, percorría descalza o municipio cunha patela sobre a cabeza chea de peixe. Será recoñecida nun acto que se celebrará o luns 1 de maio ás 12.30 horas na Casa Mariñeira de Don Fernando.
"Levabamos do peixe que houbera e chegara á lonxa de Portonovo: Sardiñas, xurelos, fanecas... De luns a domingo iamos ata Vilalonga andando, facíamos unha parada no Vinquiño e logo seguiamos. Eran outros tempos!", recorda.
Nesa época, cando chegaba á casa tiña que atender os fillos e, segundo a tempada, ir ás leiras. O seu marido era mariñeiro no mar e ela, en terra. “Se querías ter un peso había que traballar”, asegura.
Unha sobriña abriulle a posibilidade de ir con ela vender á praza de abastos de Pontevedra e aí xubilouse. Lembra que "vendía moito e gustábame o trato educado coa xente. Aínda recordo como as clientas dicían: Cómpralle a Carmen que o peixe dela parece que medra na tixola. Sempre lle botaba algún peixiño de regalo".
Aos seus 99 anos conta cunha memoria privilexiada e unha boa forma física. Non perdoa o seu paseo polas mañás ata Montalvo coa súa amiga Lola e reza o rosario "de cabeza". O seu secreto pode ser a ausencia de lácteos na súa dieta ou no anaquiño de pan despois de cada comida como sobremesa.
O premio colleuna por sorpresa e non cre que mereza "nin unha raia de ouro nin de prata". Refraneira e retranqueira, Carmen chegará o luns a recoller o seu premio precedida polos Gatiños de Portonovo á Casa Mariñeira de Don Fernando. Alí agardará a súa familia, fillos,netos, bisnetos e tataraneta e tamén os seus veciños e amigos.
Relacionadas:
-
Nove residentes en Sanxenxo superan o século de vida
Por Redacción |
-
Carmen Uhía Martínez recibe a Raia de Ouro con aclamacións
Por Redacción |
-
'Sanxenxo Fala' enche de cultura o municipio durante o mes de maio
Por Redacción |
-
A Festa da Raia encherá de música e animación as rúas no "Portonovo gastronómico"
Por Redacción |