Acometen obras de mellora no Camiño portugués
Por Redacción
A Deputación está a traballar xunto á Axencia de Turismo de Galicia, na mellora do Camiño Portugués, ao seu paso pola provincia co fin de revalorizar e aproveitar ao máximo esta ruta Xacobea.
Así o confirmou este mércores o presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, nunha rolda de prensa na que tamén participou a secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, e na que anunciaron que nos próximos días realizarán un tramo desta ruta para comprobar in situ os traballos que se están a realizar con maquinaria da Deputación e de empresas privadas, e con medios técnicos e humanos da Xunta e da propia administración provincial, para a limpeza e acondicionamento do trazado ao longo de toda a provincia.
Neste sentido, salientou o "esforzo especial" que está a realizar a Deputación, para que o Camiño Portugués se consolide como un dos principais polos de atracción de visitantes da provincia.
Ademáis Louzán aplaudiu a iniciativa anunciada por Nava Castro de crear un Plan Director do Camiño de Santiago que permita reforzar e manter o que supón "o elemento promocional máis relevante de Galicia".
Nesta liña, cómpre ter en contra que dos 200.000 peregrinos que en 2013 conseguiron a compostela, o 50% eran extranxeiros, o que dá unha idea do efecto de difusión internacional que exerce esta vía, pola que chegaron a Santiago cada día 548 peregrinos.